Thursday 25 de April de 2024

Fabiola García destaca a volta á normalidade das Escolas Infantís no inicio do novo curso 2021-2022


— O número de matriculados nos centros públicos autonómicos é de 7830, isto é un 3% máis que o curso pasado

— Este será o terceiro curso consecutivo no que se aplica a gratuidade nos segundos fillos e sucesivos

— O Goberno galego adaptou o protocolo actual ao novo escenario que estamos a vivir

A conselleira de Política Social, Fabiola Garcia, destacou esta mañá na súa visita á escola infantil de Santa María de Oza, na Coruña, que o curso 2021-22 nas escolas infantís será o da volta á normalidade. O número de matriculados de 0 a 3 anos que asistirán a un centro da rede pública autonómica é de 7830, isto é, un 3% máis que o curso pasado.

Fabiola García recordou que o curso 2020-21 foi un curso 100% seguro para os pequenos, por iso, este que bota a andar será o curso da volta á normalidade logo da aparición da covid-19, mantendo as precaucións e adaptando os protocolos á situación actual. Neste sentido, subliñou que as familias poden estar tranquilas porque os pequenos quedarán ao coidado “dos mellores profesionais”.

Máis polo miúdo, a provincia da Coruña, de igual xeito que o ano pasado, é a que máis nenas e nenos de 0 a 3 anos matriculados ten nas escolas infantís públicas autonómicas. Son 3.128 os pequenos xa anotado nalgún centro da Xunta. En Pontevedra, o número de matriculacións tamén supera as 3000, en concreto son 3039; en Lugo a cifra alcanza os 838; e en Ourense son 825.

Hai que ter en conta que o número de matriculados nas escolas infantís públicas autonómicas continuará variando ao longo do curso, pois as familias teñen nos vindeiros meses máis períodos para poder anotar aos seus fillos no caso de que haxa prazas libres.

Así mesmo, a conselleira de Política Social puxo en valor que este será terceiro curso consecutivo que as nenas e nenos que sexan segundos fillos ou seguintes acudirán gratis ás escolas infantís, sexa cal sexa a súa titularidade.

Adaptación do protocolo
Por outro lado, adecuándose á nova realidade sobre o coñecemento do coronavirus, o Goberno galego adaptou o protocolo en escolas infantís. A partir de agora as nenas e nenos poderán utilizar dentro da escola o calzado que xa traen posto da casa; os centros poderán establecer no seu plan de continxencia, e segundo as súas características, o acceso restrinxido dos pais á aula nos períodos de adaptación e mantendo as medidas de prevención axeitadas; poderán deixar os carriños; e en exteriores, de ser necesario, permitirase que coincidan varias unidades estables de convivencia.

Os profesionais non terán que realizar a enquisa de autoavaliación, non será necesario que se fagan entradas e saídas graduadas do persoal, permitiranse as actividades grupais na escola e as asociacións de nais e pais de alumnos poderán realizar reunións no centro, sempre que se produzan fóra do horario de atención educativa.

Por outra banda, manteranse algunhas das medidas do protocolo inicial: será necesaria a ventilación, a limpeza e a desinfección de mans e dos espazos, será obrigatorio o uso de máscaras para o persoal, deberá efectuarse un control adecuado de acceso ao centro de provedores e terceiros, manterase a distancia de seguridade entre traballadores e evitarase coincidir en espazos reducidos.